
Presentación “Mulleres Bateeiras”
Opmega mergulla no pasado para visibilizar o histórico papel das mulleres no sector
A exposición “Mulleres Bateeiras. O mexillón a través das mans das mulleres”, que se poderá contemplar na rúa Castelao de Vilagarcía desde mañá, 8 de marzo, ata finais de mes é froito da colaboración da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia e a Asociación Mulleres Salgadas. O seu obxectivo: poñer en valor o papel da muller na miticultura galega, do que forman parte máis de 1.600 profesionais segundo os últimos datos oficiais.
Unha vintena de fotografías desde 1952 á actualidade, repartidas en dez paneis informativos, conforman a mostra instalada no centro de Vilargarcía, grazas ao apoio da concellaría de Igualdade. Unha zona de gran actividade onde permanecerá ata finais do mes de marzo. A exposición documenta que a muller estivo presente -e en moitos casos segue sendo así- en todas as fases de produción do mexillón, desde o comezo da historia da miticultura ata os nosos días. Por iso, desde Opmega quixeron recoñecer a importancia do seu traballo dándolle a visibilidade que non tiveron durante moitos anos.
A mostra, na que aportaron fotos particulares e museos, é unha iniciativa na que Opmega e a Asociación de Mulleres Salgadas traballan desde hai varios meses e que forma parte dunha estratexia de colaboración máis ampla destinada a poñer en valor o traballo “fundamental” das mulleres no desenvolvemento do sector.
A muller na historia da miticultura
Tradicionalmente, era cada unidade familiar a encargada do traballo nas bateas, coa muller como parte fundamental. A mecanización dos procesos fixo evolucionar a fórmula de traballo pero non minguou o peso feminino nunha tarefa que, historicamente, foi pasando de nais a fillas.
A mostra fotográfica que se inaugurará en Vilagarcía busca poñer cara, nome e apelidos a estas mulleres que, sen sabelo, fixeron historia e son un modelo de resiliencia e forza de vontade.
Despois da súa inauguración, a idea é que esta exposición poida levar aos centros escolares para facer partícipes aos estudantes da historia destas profesionais. En moitos casos, sobre todo na Ría de Arousa, servirá para que os mozos coñezan de primeira man o esforzo realizado polas súas nais e avoas.