Os bateeiros de Opmega teñen crédito

29 de Xuño de 2016 Financeiro

Os bateeiros de Opmega teñen crédito

Os bateeiros integrados nunha das entidades históricas do sector, a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), acaban de recibir un novo apoio por parte da entidade financeira Abanca.

Os representantes de ambas as firmas renovaron o seu convenio de colaboración, o cal definen como “un acordo estratéxico en materia financeira”, pois supón arroupar aos produtores “e dar resposta ás súas principais demandas”.

O que fai Abanca é poñer a disposición dos mexilloeiros “diversos produtos de crédito en condicións vantaxosas para eles”, de tal forma que, como autónomos e empresarios, poden “afrontar os principais problemas derivados da súa actividade”, como os peches de polígonos por presenza de biotoxinas mariñas.

Explican en Abanca que “se habilita unha póliza de crédito específica con intereses moi baixos e sen comisións pensada para facer fronte á falta de ingresos” durante longos períodos de inactividade, permitíndose aos beneficiarios que cancelen este préstamo “no momento en que perciban as subvencións ou prestacións” correspondentes.

Ademais habilítanse préstamos persoais sen intereses ou comisións para que o sector poida aprazar o pago dos seus impostos, liñas de desconto, leasing mobiliario, avais e liñas de comercio exterior.

Opmega, con sede central no edificio Mexillón de Galicia -situado en Vilagarcía e onde se asinou o acordo-, pode optar igualmente “a liñas de financiamento contempladas no Plan Activamos asinado coas catro deputacións galegas, así como aos programas oficiais de crédito co Igape ou o ICO e a financiamento a través da Sociedade de Garantía Recíproca Sogarpo”.

Así o explican desde Abanca, onde lembran que nos últimos meses reforzamos o noso apoio a este sector crave no tecido produtivo galego mediante o deseño ad hoc dunha oferta financeira pensada para atender as necesidades particulares deste segmento e coa creación de Banca Mar”.

O novo convenio entre Opmega e Abanca foi ratificado por Ricardo Herbón González, presidente de Opmega; Carmen Fernández Penas, directora territorial de Abanca en Pontevedra; Víctor Vázquez Saavedra, director de zona da entidade financeira na comarca; e Javier Fraga Díaz, director de Banca Mar.

 

Compartir: