Xornada «O cultivo de mexillón en batea: tendencias de comercialización e consumo»
Opmega rodéase de expertos para debater sobre comercialización e novas tendencias de consumo
• A organización transnacional reúne na súa sede a profesionais de diversos sectores para abordar desde o márketing na industria alimentaria ata a innovación como solución para fomentar o consumo
• O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, será o encargado de inaugurar a xornada de traballo que contará no seu clausura coa intervención do conselleiro do Mar, Alfonso Villares
Vilagarcía de Arousa, 14 de maio de 2024.- O mercado do mexillón está a experimentar un período de cambio e crecemento ao que non son alleos os socios da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), tal e como demostra a temática da súa xornada, enfocada este ano nas novas tendencias de comercialización e consumo. Desde a innovación na súa presentación ata o seu papel na gastronomía contemporánea, o mercado do mexillón está en constante evolución.
Froito dunha actividade centrada na sustentabilidade e a promoción da saúde, o mexillón mantén unha posición de liderado no mercado pero é necesario seguir avanzando para garantir o seu futuro. No medio deste panorama, as estratexias de márketing xogan un papel crucial na promoción e comercialización deste apreciado produto.
Este xoves, día 16 de maio, Opmega reúne na súa sede de Vilagarcía de Arousa a varios expertos que debaterán sobre “Tendencias do mercado con relación ao consumo de mexillón”, “Casos de éxito de estratexias de márketing na industria alimentaria” e “A innovación como solución para fomentar o consumo e a comercialización do mexillón”. Tres interesantes bloques que conforman unha sesión de traballo que contará no acto de inauguración co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o subdirector adxunto de Acuicultura, Comercialización Pesqueira e Accións Estruturais do MAPA, José Pellicer.
A clausúra correrá este ano a cargo do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente de Opmega, Ricardo Herbón.
Máis sobre Opmega
Opmega é unha Organización de Produtores (OP) con ámbito de actuación transnacional recoñecida por Orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 30 de decembro de 1986 (Boletín Oficial do Estado nº 23, de data 27.01.1987) como a OPP-18. Os seus socios están agrupados en 12 delegacións, distribuídas nas rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, ademais de Portugal.